O 16 de maio, con motivo da celebración do día das Letras Galegas e dentro do programa de actividades do “Mes das nosas letras” promovido polo Concello de Quiroga, para homenaxear á xornalista radiofónica Begoña Caamaño, a casa da cultura da vila acolleu un concerto de música vocal coa participación de tres agrupacións: A Coral Polifónica de Quiroga, o grupo vocal Entrelas e a coral Cantar Delas.
A música vocal foi a gran protagonista da xornada, cun repertorio no que a música galega ocupou lugar destacado nas actuacións das tres formacións. O público puido gozar dun concerto no que se puxo en valor o patrimonio musical galego a través de interpretacións de gran calidade.
Para a nosa coral, compartir escenario coas outras agrupacións e ofrecer a nosa música ao público foi unha experiencia moi enriquecedora e emotiva. A excelente acollida por parte dos asistentes e o ambiente de compañeirismo vivido entre as corais converteron esta cita nunha xornada inesquecible, reafirmando o valor da música coral como expresión da nosa lingua e da nosa cultura.


