Cantardelas

O día 15 de xuño a nosa coral celebrou unha entrañable xornada de convivencia para poñer o broche final ao  curso 2025-2026, un ano  intenso, cheo de ilusións, novos retos e de interesantes proxectos musicais que terán continuidade na vindeira tempada.

A primeira parada foi en Sarria, onde as compoñentes da coral xunto co noso director e a súa dona, compartimos un agradable xantar de confraternidade. Nun ambiente de amizade e compañeirismo, gozamos dunha excelente comida na que non faltaron as saborosas carnes e peixes galegos rematada cunha animada sobremesa que nos permitiu seguir compartindo experiencias e bos momentos.

Pola tarde desprazámonos ata Moscán, pequena localidade situada a uns once quilómetros de Sarria, un lugar que destaca pola súa tranquilidade e pola beleza da contorna natural bañada polo río Neira. Tras un relaxante paseo, visitamos a igrexa de Santa María Madanela de Moscán, un fermoso templo románico construído entre finais do século XII e comezos do XIII. A súa arquitectura conserva a tipoloxía característica das igrexas rurais galegas da época, cunha nave única de planta rectangular, ábsida semicircular e unha portada con arco de medio punto.

No interior do templo, e unha vez reunida parte da veciñanza, deu comezo o noso concerto de música relixiosa. Foi unha actuación especialmente emotiva, na que a música serviu como vehículo para expresar emocións e sentimentos, creando unha especial conexión entre intérpretes e asistentes. Cantar nun espazo de tanta beleza e significado histórico converteu esta experiencia nun momento inesquecible, reforzando os lazos de unión e compañeirismo entres as integrantes da coral.