Desde o confinamento Cantar Delas fai unha homenaxe a Ricardo Carvalho Calero
Nas Letras Galegas 2020 e desde o confinamento
A nosa homenaxe a Carvalho Calero, figura fundamental da cultura galega, un elo entre as manifestacións culturais e sociais anteriores a 1936 e a recuperación tras a democracia. Represaliado no franquismo, mantivo un intenso labor que canalizou a través do ensino, das colaboracións na prensa e da investigación sobre lingua e literatura.
Defendeu a unidade lingüística galego-portuguesa e a necesidade de planificar, desde o consenso, a aproximación ao tronco común luso-afro-brasileiro. Foi a gran figura do reintegracionismo galego.
Carvallho Calero viviu en Lugo onde foi profesor e director do Colexio Fingoi. Estes versos recollen un fragmento do poema dedicado ó parque Rosalía de Castro.
La baixo vai o Miño, Presidente
da Unión de Rios da Terra.
A paisage galega
destacou duas ringleiras de ameneiros
para cubrir-lle a carreira.
As torres da catedral,
lamentando que non se deteña,
renden-lle desde longe homenage
do seu sorriso de pedra.
Lugo, en lembranza do seu paso,
feira-lle un peite de honor –a ponte-
para peitear as suas barbas crechas.
Na nosa lembranza sempre Rosalía, autora universal. Nos seus versos latexa o sentir dos galegos e galegas, é a voz feminina que reflexiona sobre a condición humana e en contra das inxustizas. Reivíndícase como muller escritora, incomprendida e adiantada á época que lle tocou vivir.