ENSAIO EN VILAR DE DONAS

ENSAIO EN VILAR DE DONAS

Con motivo da celebración do remate de ensaios e proxectos musicais ata a próxima temporada, en setembro, o pasado día 26 de xuño de 2023, tivemos o enorme pracer de cantar na igrexa de San Salvador de Vilar de Donas que foi edificada no século XII e é a única parte que se conserva do antigo mosteiro feminino que houbo neste lugar.

O nome de esta igrexa  vén da historia deste mosteiro, que foi fundado e estivo poboado só por monxas, por iso o nome de “donas”.

A igrexa románica de Vilar de Donas en Palas de Rei, provincia de Lugo, é un verdadeiro tesouro, moi preto do camiño de Santiago francés.

Ao entrar, atopamos a portada que é unha marabilla con arquivoltas e unha decoración exuberante. Xa no interior e ao mirar tanto ao ábside, a bóveda e as paredes laterais, vemos unhas pinturas góticas espléndidas que datan do século XIV de un enorme valor artístico, un baldaquino do século XV único en Galicia, un fermoso retablo de madeira policromada que data do século XVII, un impresionante retablo de granito do século XV, e tamén tres lápidas e un sarcófago de cabaleiros da orde de Santiago que foron enterrados alí.

Este lugar foi o magnífico escenario do concerto de música coral a capella das mulleres de Cantar Delas que, dirixidas polo noso director Fernando G. Jácome, cantamos con xúbilo o noso repertorio máis espiritual de pezas relixiosas e unha cantiga de Martín Codax, suscitando en todas nós un gran sentimento de gozo e de entusiasmo.

Este especial encontro tamén serviu para sorprender a unha compañeira que desexaba sentir a emocionante experiencia de expresar o seu canto neste extraordinario lugar.

Ademais de cantar, tamén fixemos unha incursión pola zona, coa visita á granxa de ecoagroturismo Arqueixal, un paseo por un tramo do camiño de Santiago e unha degustación gastronómica, nunha casa de comidas da zona.

Resultou unha especial xornada de cultura, arte, música e convivencia.